O Grupo Municipal do Partido Popular lamenta que o Pleno Municipal celebrado en sesión extraordinaria no día de onte e que foi solicitado en conxunto co resto de grupos da oposición, rematase sen un acordo plenario claro acerca da nova localización do histórico mercado semanal dos xoves.
A postura do Partido Popular no devandito Pleno foi cuestionar a nova localización por razóns tanto de fondo como formais.
No aspecto formal o cambio realizouse sen un proceso de negociación claro do goberno local tanto co sector da venda ambulante como co comercio local impoñendo unilateralmente os seus criterios.
A nova localización que supuxo un gasto importante de cartos públicos innecesarios para o erario público municipal, uns perto de 50.000 euros.
O grupo municipal popular insiste na necesidade de valorar todas as posibles localizacións deste mercado semanal que ben podería ocupar toda a zona da recentemente peonalización do paseo da corredoira contribuíndo á súa dinamización. A recente peonalización deste espazo unido ao cambio de direccións e restricións de tráfico están a acabar co comercio local no centro da nosa cidade circunstancia que implicará, senón se remedia, a desaparición dos poucos negocios que quedan.
No Pleno extraordinario púxose de manifesto que incluso os propios veciños teñen tomado a iniciativa para recoller sinaturas para solicitar que o mercado volte á localización orixinaria pois moita xente non está de acordo con esta nova situación, pola incomodidade que supón de desprazarse ata alí, a baixada das vendas, afectación ao comercio local do centro, e o desamparo do lugar en época invernal.
O portavoz municipal insistiu no feito de que o cambio de situación se fixera as costas do Pleno Municipal sustraéndolle as súas competencias ao tratarse sen dúbida dunha competencia plenaria, tal e como recolle a Ordenanza Municipal da Venda Ambulante. Ademais de realizarse sen a preceptiva comunicación por escrito aos interesados.
Tamén se criticou a asignación arbitraria dos postos incumprindo o disposto na devandita ordenanza reguladora.
Outro aspecto formal criticado polo noso Grupo no devandito Pleno extraordinario foi o custe do acondicionamento dos terreos que en parte non son de dominio público, así como a posible exención das taxas que se perciben, cuxa exención de momento non ten sustento xurídico algún.
En cuanto ás cuestións de fondo o noso Grupo Municipal referiuse á esencia do mercado tradicional dos xoves, vixente dende o século XVII, entendendo que é un elemento importante na vocación comercial de tui no que semanalmente se congregan un importante número de persoas que dinamizan de xeito importante a economía tudense.
Compartimos co colectivo de vendedores, a súa enorme preocupación pola deslocalización do mercado da súa tradicional ubicación, pois despois de tres meses de paralización da súa actividade o vendedores son reubicados nunha zona fora do centro urbano provocándolle unha diminución das súas vendas e abocándoos a unha crise definitiva dos seus negocios. Un sector que xa foi excluído ata o de agora das medidas de reactivación económica local e que agora sofren por contra esa dobre crise.
Entendemos que o mercado dos xoves xoga un importante papel dinamizador da vida comercial tudense, retroalimentándose co comercio local da zona e que alonxar o mercado do centro supón un grave erro que prexudicará a ambos sectores.
Indicar tamén que no Pleno non se permitiu a asistencia de público cuestión que foi solicitada polo conxunto dos grupos da oposición no escrito de solicitude, polo que non viamos obstáculo xurídico algún máis ben todo o contrario pois as sesións son públicas e debe motivarse convenientemente. Incluso se achegaron veciños afectado que sí querían acudir á sesión extraordinaria respectando loxicamente as medidas sanitarias oportunas para escoitar de primeira man o que alí se dicía por canto está en xogo o seu traballo e o seu xeito de gañarse a vida.
Circunstancia que entendemos como unha mostra máis de pechar as institucións aos veciños. Este feito contrasta coa actitude mostrada no slogan da axenda cultural para este verán que publicou o Concello onde reza: “volvamos á rúa”. Nembargantes, tristemente a rúa non volta ás institucións…..
Por último indicar que o noso Grupo Municipal valora muy positivamente a acción, o interese e o traballo de tódolos Grupos da Oposición neste asunto cas aportacións realizadas, as súas propostas e posicionamento neste Pleno que deixa en solitario ao grupo de goberno e as súas decisións unilaterais.