Un vertido en A Foz do Miñor (archivo)

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de eliminar un punto de vertido ao rego de Os Portelos, ao seu paso polo Concello de Baiona, e outro ao río Miñor, no municipio de Gondomar.

As emisións contaminantes en ambos puntos foron identificadas polos técnicos do Plan de Control de Vertidos do organismo da Xunta no marco das labores rutineiras realizadas á rede fluvial e na liña de costa no ámbito dos citados municipios.

No caso de Baiona, os inspectores de Augas de Galicia identificaron que o punto de vertido procedía das augas residuais domésticas dunha vivenda unifamiliar, sita na parroquia de Baredo, que desaugaban sen recibir tratamento de depuración cara á gabia da estrada ata o rego de Os Portelos. A irregularidade púxose en coñecemento do ente municipal para que notificara ao titular que tomase as medidas oportunas para a emenda do vertido en condicións inadecuadas.

En canto ao punto de vertido que afectaba ao río Miñor, no núcleo urbano de Gondomar, os técnicos de Augas de Galicia detectaron un vertido irregular e, os resultados analíticos da mostraxe efectuada do mesmo amosaron a existencia de contaminación microbiolóxica cara ao medio receptor. Esta anomalía púxose en coñecemento do ente municipal, quen determinou a orixe do vertido nunha deficiencia do colector municipal de saneamento que discorre pola avenida Conde de Gondomar.

Recentemente, a Xunta realizou unha nova inspección no rego de Os Portelos, constatando a emenda do punto de vertido trala conexión das augas residuais domésticas procedentes da vivenda á rede municipal de saneamento existente na zona, o que permitiu o cese dos aportes contaminantes ao Dominio Público Hidráulico.

Os técnicos de Augas tamén realizaron o posterior seguimento das actuacións acometidas polo Concello de Gondomar, comprobando a eliminación do punto de vertido ao río Miñor, trala obra de substitución do tramo do colector de saneamento causante das filtracións de auga residual.