Procedentes do Reino Unido, Bélxica e Francia, ademáis de Galicia, España e Portugal, 19 empresas de toda a cadea do sector agro visitan estes días o territorio transfronteirizo para coñecer a calidade dos seus produtos e servizos e manter reunións nas que formalizar futuros acordos comerciais.

O obxectivo desta primeira Misión Comercial Inversa, que fora presentada o pasado marzo na pasada Mostra de Cultivos celebrada en Goián, é contribuír ao posicionamento do sector agro de Baixo Miño e do norte de Portugal “dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca”, achegando á zona novas oportunidades de negocio mediante un “mecanismo realmente eficiente para chegar a novos mercados”, en palabras dos organizadores.

Entre o 18 e o 20 de setembro, máis de 50 representantes de 30 empresas participarán activamente en diferentes reunións bilaterais. Ademáis, o xoves 19 realízase unha visita ao Festival de Xardins de Ponte de Lima e a distintas empresas portuguesas, adicándose o venres 20 ás visitas programadas a viveiros e á comercializadora do Baixo Miño.

Para Sandra González, alcaldesa de Tomiño, esta iniciativa “é unha nova mostra da calidade do noso sector agrario e da súa relevancia socioeconómica para o presente e futuro da nosa comarca” o que motivou que a Eurocidade considere o apoio á dinamización e proxección exterior do sector “unha das prioridades na súa axenda de cooperación transfronteiriza”.

A Misión Comercial Inversa, organizada por acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), en colaboración coa Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN), está promovida pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, no marco das actividades de dinamización da economía local transfronteiriza contempladas no proxecto da ‘Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’, co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.