60 alumnos de 4º da ESO do IES Val Miñor participan na campaña de promoción de promoción da lingua galega entre o comercio local de Nigrán.

O proxecto «Aquí tamén se fala Galego» xurdiu o curso pasado no IES Rafael Dieste da Coruña e procura rachar cos prexuízos que invisibilizan a lingua galega. A rapazada exerce de dinamizadora da lingua visitando todo tipo de establecementos que traballan de cara ao público e queiran colaborar, para o cal deben colocar un cartel deseñado co lema “Aquí tamén se fala Galego” e facerse unha foto que se promocionará nas redes sociais da campaña.

Neste curso sumáronse á iniciativa máis de 180 centros de ensino de toda Galicia, de xeito que abrangue todo o territorio. En Nigrán non quedaron atrás e saliron á rúa o 27 de febreiro desde o IES Val Miñor. A rapazada de 4º da ESO visitou cafetarías, froitarías, carnizarías, estancos, tendas de pesca, veterinarias… e obtivo unha moi boa acollida.

Case un cento de locais foron os que se sumaron á campaña de promoción do galego nesta primeira xornada nos núcleos de Nigrán e Panxón. Agora a rapazada vai continuar co traballo de dinamización organizándose en equipos para visitaren os comercios das nosas parroquias.

Porque en Nigrán tamén se fala!