Neste mes de xuño de 2020 conmemórase o XXX Aniversario da creación da Asociación sen ánimo de lucro Érguete Baixo Miño. Xa transcorreron 30 anos cando, a primeiros de xuño de 1990, sesenta persoas reúnense no antigo Colexio público M.R. Sinde de A Guarda para tratar da grave problemática do consumo de drogas que estaba ocasionando graves consecuencias persoais e sociais no Baixo Miño á cal asistiron Mari Carmen Avendaño, un avogado e varios membros da Asociación Érguete Vigo.

Desa xuntanza saíu unha Xunta Xestora que elaborou os Estatutos da Asociación, sendo aprobados  o 3 de xullo dese ano polo Goberno Civil de Pontevedra, comezando esta traxectoria co nome de Asociación Érguete Baixo Miño -Asociación de Familiares e Amigos de Toxicómanos e Ex-Toxicómanos-.

Na modificación dos Estatutos en 2017, pasa a denominarse como Asociación Érguete Baixo Miño de prevención das condutas aditivas e de educación e promoción da saúde.

Hoxe, día 26 de xuño, Galicia súmase ao Día Internacional contra o consumo indebido e o tráfico ilícito de drogas instaurado pola ONU. Sociedade, goberno da Xunta de Galicia, institucións e concellos galegos, chamados a participar a través da Federación Galega de Municipios e Provincias -FEGAMP- súmanse a esta data.

En Galicia conmemoramos este día co símbolo das bandeiras brancas como aposta por unha vida saudable, unha vida limpa que enriquece ás persoas, fronte ó escuro mundo das adiccións e o tráfico de drogas. E facémolo cun recordo especial para todas as persoas que perderon ou arruinaron as súas vidas por mor da adición ás drogas. Para as vítimas e as súas familias, para os que loitan por reconstruír as súas vidas.

Neste tempo marcado pola pandemia e as súas consecuencias é necesario recordar que antes, durante e despois do coronavirus seguimos a ter importantes problemas sen resolver. Que nesta sociedade temos un problema moi grave coas drogas e outras adiccións é máis que evidente.

Vivimos malos tempos porque en moitos ámbitos asúmese como normal a inxesta de alcohol e outras drogas coma sinónimo de diversión. E nada máis lonxe da realidade. O culto ó alcohol e outras sustancias comporta graves danos para a saúde das persoas, con implicación directa en accidentes de tráfico, violencia de xénero, abusos sexuais e incluso fracaso escolar. Denunciamos, como tamén se fai a nivel estatal, o incremento das adiccións sen sustancia entre menores e mocidade. O xogo e as apostas, tanto presenciais como online, avanzan perigosamente e necesitamos protexer a menores e maiores. A Prevención e a Educación (na casa e na escola) son novamente a clave.

Neste día internacional, fagamos unha aposta pola saúde. Gobernos e cidadáns. En cada casa, en cada familia, en cada grupo de amigos fomentemos o deporte, a música, a cultura, o ocio e as actividades compartidas para desfrutar do verán e da vida cos cinco sentidos.

Instamos aos nosos gobernos -a todos- a poñerse a traballar de inmediato con programas e accións concretas, con políticas decididas de Prevención e Educación. A saúde e a seguridade das persoas deben ser unha prioridade.

Pola outra parte, en Galicia seguen a confluír os problemas de adicción as drogas xunto coa existencia de importantes redes criminais dedicadas ao narcotráfico. No actual escenario de sobreprodución mundial, traficantes de medio mundo seguen tendo a Galicia na súa diana e miles de quilos seguen entrando polas nosas costas a Europa.

Neste contexto, o rexeitamento social é un factor de suma importancia e no que Galicia -co esforzo de todos e o sufrimento de moitos- comeza a ser un referente. Atrás quedan os tempos nos que o narcotráfico contaminaba a toda a sociedade.

Nesta terra sabemos desde fai moito tempo que os narcotraficantes non son heroes, nin filántropos, senón delincuentes rexeitados pola sociedade galega. Sen dúbida que temos avanzado, pero non é suficiente. Se queremos realmente mellorar as cousas, temos que ir máis adiante.

Seguemos a ollar con máxima preocupación a reiteración no delito de moitos  traficantes, criminais multirreincidentes, que unha e outra vez entran e saen do cárcere aproveitando facilidades legais para seguir traficando coa morte e a ruína das persoas. E traspasando este sinistro negocio de pais a fillos, e de fillos a netos. Porque a pesar dos pesares, parece que a algúns aínda lles sae beneficioso. Intolerable. Un grave perigo para a nosa seguridade que non debemos nin podemos permitir.

Crime organizado, axustes de contas, branqueo de capitais, corrupción, mafias internacionais, terrorismo, morte, destrución, sufrimento… aséntanse alí onde prospera o narcotráfico. Combater esta ameaza debe ter a máxima prioridade para todos, sociedade e gobernos.

Por todo iso, dicimos unha vez máis -alto e claro- que en Galicia non queremos drogas nin narcotraficantes.