Erguete imparte no IES A Sangriña e no IES Antonio Alonso Rios programas de promoción da saúde
IES Antonio Alonso Rios de Tomiño

A Asociación Érguete Baixo Miño informa que, o martes día 3 e mércores día 4 de marzo, darán comezo os diferentes Talleres de Educación e Promoción da Saúde no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que se prolongarán durante as vindeiras cinco semanas.

Nesta ocasión, traballarase co alumnado de 2º da ESO as habilidades persoais e sociais así como a resolución de conflitos. O labor de Érguete Baixo Miño é lograr a implicación dos rapaces e rapazas para ser capaces de manexar axeitadamente as posibles situacións conflitivas tanto actuais coma futuras, así coma fortalecer as súas relacións interpersoais. Cabe mencionar tamén a importancia de incidir no autocoñecemento persoal para o desenvolvemento dunha autoestima positiva.

Estas actividades atópanse dentro da carteira de servizos que a Asociación ofrece de maneira gratuíta ás numerosas escolas e institutos do Baixo Miño, dentro do Programa de Educación para a Saúde na Escola, financiado pola subvención da Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias que colaboran nesta Asociación.

Para máis información, invitamos a todos a achegarse ás instalacións de Érguete, tamén a través da páxina web ou ben chamando aos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76.