Continúa a grande acollida das actividades ecoturísticas do programa ‘Vive o Río Minho’ organizadas pola Deputación de Pontevedra para as fins de semana deste mes nos concellos galegos e portugueses da ‘raia’. Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, as 60 prazas para a actividade deste domingo día 14 esgotáronse en menos de 10 minutos desde que se habilitou a inscrición na páxina web da Deputación.

As persoas participantes gozarán dunha xornada de ecoturismo. Comezarán cunha ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, dende a desembocadura do río Tamuxe en O Rosal ata Tomiño, para facer despois o treito inverso en caiac polo río Miño. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas.

‘Vive o Río Minho’, desenvolvido dentro do proxecto homónimo financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, pretende ser unha alternativa turística que permite coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro e non masificado buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.

Na pasada semana, acompañadas polo bo tempo, as actividades tamén resultaron moi aplaudidas polas persoas participantes. O domingo 30 de abril realizouse unha andaina entre Vila Nova de Cerveira de Tomiño que finalmente foi realizada por 100 persoas, e o xoves día 3 o programa realizou unha actividade para persoas prescriptoras de viaxes.

A seguinte xornada para a que se abrirá inscrición será a do sábado 20 de maio , que se desenvolverá entre Melgaço e Arbo. Incluirá unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo dirixido pola empresa Arrepións. A actividade é para maiores de 12 anos, sendo imprescindible tamén saber nadar. Comezará ás 10 da mañá e rematará ás 20.30 horas.

Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral (maiores de 12 anos que saiban nadar). As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade.