Reunida a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), na estación de autobuses da vila na tarde do sábado 4 de xullo de 2020, acorda trasladar publicamente o resumo do tratado e acordado.

O transporte postCOVID-19 en Gondomar

Nestes primeiros días do mes de xullo ás empresas que operan en Gondomar comezaron cos horarios de verán. No caso da empresa Melytour desaparecen as liñas das parroquias de Couso, Peitieiros, Morgadáns e Chaín, volven suprimir frecuencias e non hai transporte os domingos e festivos. No caso de ATSA, non hai liñas os sábados pola mañá que comuniquen coa zona de praias nin para o ocio nin para se poder desprazar moitas persoas quen traballan no verán nos concellos de Baiona ou Nigrán.

No servizo de Mobilidade da Xunta informaron á AVTG de que as empresas están en prorroga forzosa, xa que as concesións actuais remataron en decembro de 2019, e que por esa razón non lle podían esixir que repuxeran o servizo anterior á COVID, xa daquela deficiente. “Na nosa opinión, iso pasa porque o goberno da Xunta, por mala xestión, non realizou o concurso do novo plan coa antelación suficiente para que poidera poñerse en marcha a primeiros deste ano 2020, como prometeran”, acusan desde a AVTG. “A culpa e súa, pero as consecuencias pagámolas, como sempre, as persoas usuarias do transporte”.

E se antes se aducía que non había viaxeiros, no tempo postCovid, cando o distanciamento físico e o uso de máscaras son de obrigado cumprimento, non se dan as mellores circunstancias para que o uso do transporte público medre. Pero haberá que facer que a xente volva confiar no transporte público colectivo non só como elemento imprescindible para a mobilidade das persoas que non conducen ou non poden ter un medio de transporte propio, senón tamén como medio seguro, máis accesible economicamente e ambientalmente máis sostible ao se reducir o uso de vehículos particulares.

Mais iso non se vai conseguir con menos liñas nin con menos frecuencias, nin sen descontos nos billetes e sen viaxes gratis para a mocidade, sobre todo neste tempo de máis dificultades económicas. Non pode ser que, por vivir en Gondomar, siga sendo máis económico, en tempo e diñeiro, manter un coche ou moto que usar o transporte público colectivo.

Novo plan de transporte da Xunta.

A Asemblea do Transporte reunírase o 21 de febreiro pasado para analizar o proxecto definitivo do plan de transporte da xunta para a nosa zona. Un plan que grazas as alegacións ao anteproxecto, presentadas en agosto de 2019 pola AVTG, viuse sensiblemente mellorado.

A continuada mobilización veciñal e o bo traballo feito na realización das alegacións conseguiron incluír no plan logros importantísimos: conexión directa de Gondomar coa Universidade de Vigo, con Baiona a través dunha liña circular entre os tres concellos o Val Miñor, cos polígonos industriais, e novas liñas ou frecuencias a maiores das ofertadas inicialmente.

A AVTG ten o convencemento de que estes logros só foron posibles grazas á mobilización e ao apoio recibido por parte da veciñanza que, ademais, animan a reforzar o compromiso na defensa dun transporte digno para Gondomar.

A estafa da Xunta de Feijóo e do seu goberno 

As persoas que formamos a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar levamos moito tempo defendendo o noso dereito a un servizo de transporte público e de calidade, levamos moito tempo denunciando que padecemos o peor servizo de transporte público da área metropolitana de Vigo e, por riba, o máis caro con diferencia.

En decembro de 2018 o presidente da Xunta o Sr Feijoo estivo en Gondomar. A Asemblea Veciñal recibiuno cunhas pancartas. El prometeu daquela que no seguinte ano, no 2019, a veciñanza de Gondomar disfrutaría da tarxeta metropolitana de transporte e con ela dos descontos nos billetes e da gratuidade das viaxes para os menores de 19 anos, dos que sí se benefician Baiona e Nigrán.

O pasado 15 de xuño, a Xunta anunciaba a bombo e prato que desde ese día os menores de 21 anos da área de Pontevedra e da provincia de Ourense poden viaxar de balde no transporte público da Xunta coa Tarxeta Xente Nova e tamén poderán viaxar gratis no transporte da Xunta na área de Vigo, nos que esa tarxeta xa está implantada desde 2016. En todos menos en Gondomar.

O Sr Feijóo dixo hai apenas uns días que o transporte público chega alí onde hai un usuario que o precisa. Pois que llo diga as persoas de Peitieiros ou Chaín que, o mesmo día que el dicía esa frase, tiveron que se buscar a vida porque o bus que agardaban, simplemente, non chegou.”

Estamos a 4 de xullo de 2020 e estamos aquí coas mesmas pancartas que hai dous anos, cando se constituíu a AVTG en abril de 2018. Os seus lemas “Xunta, as parroquias esiximos transporte digno Xa!” ou “Xunta, Gondomar esixe tarxeta metropolitana Xa!”, siguen vixentes no noso concello.

Con elas na man, hoxe denunciamos aquí a estafa da Xunta de Feijóo e do seu goberno ás veciñas e veciños de Gondomar. Estafa por ter faltado á súa palabra e tamén por non ter esixido das dúas empresas concesionarias do transporte en Gondomar o cumprimento do estipulado nos contratos e por permitir todos estes anos o deterioro paulatino do servizo.