Esquerda Unida solicita ao goberno de Nigrán un novo proceso de información pública do PXOM, debido a que os cambios producidos motivados polas as alegacións e os informes sectoriais puideron modificar substancialmente o documento da aprobación inicial. Hai que lembrar que a lexislación de urbanismo obriga a expoñer novamente ao público o PXOM en caso de que se produzan modificacións substanciais.

Esta demora debido a este proceso de exposición pública sería mínima comparado cos 23 anos que leva redactándose o PXOM, a cambio de dar garantías de que o documento do PXOM, non sexa anulado se alguén o impugna, por non terse tramitado conforme ao establecido na lei.

Non é a primeira vez que no proceso de elaboración do PXOM, o coordinador local de Esquerda Unida en Nigrán, José Cuevas, advirte de que as intencións do goberno poden comprometer xuridicamente o PXOM, como cando, este goberno pretendía recualificar 200 mil metros cadrados sen que ningún informe nin ningunha alegación o solicitara, o que invalidaba xuridicamente o PXOM, recualificación que finalmente parece que foi descartada.

Ademais Esquerda Unida de Nigrán, tamén solicita ao goberno municipal que publique a totalidade dos informes sectoriais perceptivos na Web Municipal para o coñecemento da poboación en xeral e, o goberno municipal exerza de verdade, a transparencia da que presume.