WIKIPEDIA // Rafa Vilar

O xurado do X Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xosé Iglesias Lamela e Marta Dacosta acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Rafa Vilar polo poemario titulado Erosións.

Trátase dun libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Un amor que non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.

O acto de entrega, conducido pola escritora Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 18 de novembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.

O premio está dotado con 3000 euros e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra. Intervención do director do IEM, Xulián Maure e do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira. Actuará o Coro Cantares do Brión.

Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.