A histórica tradición vinícola do Rosal reflíctese nun novo desafío de Eureka Reto Rural. O concello rosaleiro acolle a novena proba desta orixinal iniciativa posta en marcha por EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para dar a coñecer o territorio dun xeito interactivo, divertido e aberto a todos os públicos. Unha nova cita na que o público irá resolvendo este escape room ao aire libre reto a reto para coñecer ‘Entre viñas e viñedos, o sector vinícola do Rosal’.

O venres 12 de xullo as e os participantes poderán percorrer as rúas do Rosal para coñecer un pouco máis sobre a orixe do viño, as adegas e a súa produción, os mellores caldos do territorio ou a profesionalización do sector a través dunha decena de desafíos que porán a proba as habilidades mentais e físicas das persoas e grupos inscritos na actividade.

O escape room partirá ás 19.30 h da Praza do  Calvario para gozar dunha ruta circular de dificultade moderada. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

A presidenta de EuRural, Sandra González, convida a todo o público a sumarse a esta nova aventura de Eureka Reto Rural, “coa que nos mergullamos de cheo no verán con novos desafíos ao aire libre coas que coñecer novos recunchos do noso territorio, así como a historia e a tradición dos concellos que forman parte del. É un orgullo ver que proba a proba veciñanza e visitantes únense no desfrute dunha actividade que nos permite amosar o noso lado máis turístico dun xeito diferente e único”.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, amosou a súa ledicia por ser o anfitrión dun novo desafío de Eureka Reto Rural, “unha actividade innovadora para desfrutar en familia que non só unirá a veciñanza e visitantes arredor de todo o proceso vitivinícola, senón que tamén nos permite seguir avanzando para gozar dunha extensa programación de enoloxía e lecer na nosa Feira de Cultivos do Rosal. O viño forma parte da nosa idiosincrasia, da nosa identidade e da nosa orixe pero tamén é un sector estratéxico no concello e este desafío é unha excelente maneira de achegarse a el e coñecelo».

O equipo gañador do escape room do Rosal poderá desfrutar dunha ruta en kayak ata San Simón, con experiencia intermareal, birdwatching e comida en Restaurante Casa Chano para seis persoas. Ademais, o Concello do Rosal sorteará tres lotes de produtos locais da tenda Paquín, especializada en produtos típicos galegos e das Rías Baixas.