ALFREDO

Aprender a quererse e valorarse unha mesma empregando a fotografía como ferramenta. Ese é o obxectivo do curso ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’, unha actividade organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero e que se desenvolverá no salón de plenos do Concello de Tomiño os vindeiros días 7, 9, 10 e 11 de outubro de 16:30 a 19:30 horas.

Ao longo destas catro xornadas realizaranse dinámicas de autocoñecemento e autoestima da man das orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira. En grupos de ata 15 mulleres, as participantes vivirán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar a autoestima e o amor propio e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas grupais, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

Dirixido a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas, víctimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, o curso ten por obxectivos reforzar a autoestima e autoconcepto das participantes, ao tempo que se fomenta a súa unión social e a cooperación grupal.

As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa na páxina web de Eurural. O curso é de balde e terminará coa exposición no concello de Tomiño dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións que se inaugurará o vindeiro 5 de novembro.

Eurural

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.