A conselleira de Política Social e Xuventude e candidata do PP pola provincia da Coruña, Fabiola García, vén de anunciar que un total de 501 veciños da comarca do Val Miñor xa se están a beneficiar, desde o pasado mes de xaneiro, dos Bonos Coidado nas modalidades de Residencia e Fogar grazas a unha achega anual de 2,01 millóns de euros da Xunta de Galicia.
A titular autonómica deu a coñecer as primeiras cifras de beneficiarios nun encontro con maiores celebrado en Nigrán, no que detallou que hai 373 veciños da comarca que reciben a axuda polo coidado no fogar, cifrada nunha achega anual individual de 5.000 euros, e 128 que xa contan co bono para colaborar no pago da praza da residencia, que se situa en 1.200 euros por exercicio.
Fabiola García puxo en valor “as amplas accións e investimentos sociais” impulsados polo Partido Popular desde a Xunta e ademais anunciou que “sempre estamos ampliando os orzamentos, implementando as medidas existentes e incorporando novas actuacións, como os novos Bonos Coidado, para dar cada vez unha mellor cobertura aos cativos, as familias, os maiores, os dependentes e as persoas en risco de exclusión”.
“Somos o partido que máis e mellor atende ás persoas que máis o necesitan e creo que é algo de xustiza e que, no caso dos municipios de Nigrán, Gondomar e Baiona, ten unha gran importancia porque hai bastante poboación que precisa da nosa colaboración e queremos ofrecerlles o máximo para que teñan a mellor calidade de vida”, manifestou a conselleira.
Pola súa banda, a voceira municipal, María José Pino, que agradeceu o apoio que sempre lle presta Fabiola García, destacou a colaboración que está a prestar, ano a ano, a Xunta de Galicia para o “bo funcionamento” dos Servizos Sociais de Nigrán, xa que lle transferiu 2.599.045 euros para estas atención, que beneficiaron a 496 veciños, no último exercicio.
Así, o Goberno galego fai unha achega de 485.712 euros anuais para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que ten 40.476 horas anuais asignadas para o coidado de 46 usuarios, aínda que a voceira popular lamentou a “desidia e o abandono do goberno local socialista con este servizo, xa que pola súa propia incompetencia só alcanza un nivel de cobertura do 25% e ten a 141 persoas en lista de agarda”.
Ademais, a Xunta tamén sufraga 784.400 euros para os 204 beneficiarios dos bonos coidado, aporta 65.445 euros para o desenvolvemento do Plan Concertado, 669.176 euros para a gratuidade das 156 prazas das tres escolas infantís e 195.588 euros para a unidade de Atención Temperá, que ten 90 usuarios. Todo elo se complementa co investimento de 398.724 euros en melloras na Residencia de Tempo Libre de Panxón.