Os meses de abril e maio xiran en torno ao libro, a lectura e as Letras Galegas, así a programación Primavera entre Letras que comezou fai un par de semanas segue a traer ata a Guarda citas culturais que buscan a difusión das diferentes figuras literarias da nosa cultura. A cita desta semana será a obra de teatro infantil con monicreques “Fábulas da Montaña”, o sábado 20 de abril ás 18:00h. no Centro Cultural.

Unha fermosa proposta da compañía Larraitz Urruzola, na que recupera a única obra para a infancia que deixou escrita Concepción Arenal (pensadora, xurista e defensora dos dereitos da muller e as persoas desfavorecidas).

Estas fábulas presentan grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións populares naquela altura, escritas por homes (La Fontaine, Samaniego…) e debedoras das Fábulas de Esopo, mudando exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres) por persoas e animais da montaña cántabra como osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos.

Todo isto será transmitido na representación deste sábado a través dunha coidada e orixinal posta en escena, que caracteriza as producións de Urruzola e que as fan unha proposta axeitada para tódalas idades, dende os 8 anos ata os 108.

A programación Primavera entre letras continuará nas vindeiras semanas dando paso a celebración do Día do Libro e da IV Ruta do Libro – a partir do 23 de abril-  e a proposta Doña Emilia e Señora Carme, o día 27 de abril no Centro Cultural, na que poderemos gozar cunha recompilación de contos e historias de Doña Emilia Pardo Bazán. Dando paso no mes de maio as actividades en torno ás Letras Galegas.