A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba mantivo, unha xuntanza coa Plataforma de Afectados pola Explosión de Paramos en Tui para transmitirlles os criterios que aplica o Ministerio de Facenda sobre as axudas á veciñanza das administracións.
Facenda recoñece nun informe, solicitado polo delegado Goberno, Javier Losada, á Secretaría de Estado de Facenda que será de aplicación a Disposición Adicional Quinta da Lei que regula o Imposto da Renda das Persoas Físicas (35/2006 do IRPF), no que se establece que non se integrarán na base impoñible do IRPF as rendas que procedan da “percepción de axudas públicas que teñan por obxecto reparar a destrución, por incendio, inundación ou afundimento de elementos patrimoniais”.
Segundo salientou a subdelegada a Secretaría de Estado de Facenda subliña que as axudas estatais reguladas polo Real Decreto 307/2005 para situacións de emerxencia, as axudas recollidas no acordo da xunta de goberno do Concello de Tui para os damnificados para a explosión e aquelas outras que estableceu a Xunta de Galicia o través do decreto 55/2018, “están exentas da súa tributación ao IRPF o través desta Disposición Adicional Quinta da Lei do IRPF”.
Maica Larriba subliñou que deste xeito “o Goberno da resposta as demandas da vecindade de Paramos e as súas inquedanzas sobre o efecto que tería este tipo de axudas sobre a súa declaración da Renda”. “Amais suporá que aqueles que perciban algunha tipo de prestacións ou pensións que teñan como base o IRPF non verán mudada a súa situación a pesares de percibir estas axudas para reparar as súas casas”, indicou a subdelegada.
Larriba comentou tamén o acontecido co suceso da vaga de incendios en Galicia o pasado mes de outono de 2017 “cando a declaración de zona afectada por emerxencia aprobouse ao mes seguinte. Nembergantes non foi ate a chegada do novo Goberno de Pedro Sánchez cando se aprobaron máis de 1,4 millóns de euros para as axudas aos afectados. E dicir, tardáronse máis de dez meses en aprobar axudas. No caso de Tui, as axudas están en marcha tres meses despois e as exencións fiscais tamén. O compromiso do Goberno cos afectados e afectadas non o pode poñer en dúbida ninguén”.
Maica Larriba volveu a manter que todas as administracións teñen que “remar unidas e non adicarse a poñerse medallas e a poñer deberes ao resto, senón traballar unidas a prol dos afectados e alonxar a loita partidista dunha desgraza como esta”.
Por último, a subdelegada do Goberno tamén mantivo un contacto telefónico coa alcalde de Tui, para explicarlle o criterio do Ministerio de Facenda ao respecto das axudas.