A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e responsable de Deportes, Marta Fernández-Tapias, destacou esta tarde na Gala da Vela Galega, que se celebrou no Auditorio V Centenario de Baiona, o nivel deste deporte náutico na provincia e no conxunto da comunidade galega.

“Esta comunidade é o berce de grandes referencias da vela nacional e, grazas á Federación, aos clubs e aos deportistas, Galicia é hoxe en día un dos principais escaparates da vela”, asegurou a vicepresidenta provincial, ao tempo que lembrou o “ano intenso” que foi o 2023 para este deporte na provincia de Pontevedra e os grandes eventos que están por vir no 2024.

Na Gala, na que Fernández-Tapias fixo entrega de galardóns como os de velocidade en competición e kitesurf, o  premio a Mellor regatista Radiocontrol a Tomás Pérez González, do Club Náutico Boiro, ou o da Mellor regatista de Vela Olímpica, que recaeu en Támara Echegoyen do RCN Sanxenxo pero recolleu no seu nome Daniel Suárez, tamén recibiu, de man da Federación Galega de Vela, un recoñecemento á Deputación polo seu apoio. “Seguiremos apostando polos clubs e polos deportistas a nivel individual, para contribuír, con elo, a converter a esta provincia nun dos mellores lugares do mundo para a práctica da vela”, asegurou a vicepresidenta.

Pola súa banda, a Federación Galega de Vela destacou a contribución de Fernández-Tapias a vela desde todos os cargos que vén ocupando. O seu presidente quíxollo recoñecer coa entrega dunha placa e un ramo.