O anexo da Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica, acollerá até o sábado, 29 de febreiro, a mostra “As Raigañas do Entroido”, do fotógrafo Fernando Seadur.

Mañá mércores, ás 10.30 horas haberá unha presentación da mostra a cargo do propio autor, xunto á concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente.

Nesta exposición reúnese unha pequena escolma do amplo arquivo, integrado por máis de 80 mil fotografías, sobre o Entroido galego realizadas por Fernando Seadur.

Fernando Seadur ten percorrido durante anos cada recuncho de Galicia inmortalizando coa súa cámara o Entroido máis rural e tradicional. Pero tamén ten fotografado romarías, curros e outras tradicións.

Este fotógrafo é natural da aldea de Seadur, no concello ourensán de Larouco, nome que emprega coma apelido profesional, e na actualidade está afincado en Gondomar.

A mostra está organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui, dependente da Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui.

A exposición pode visitarse de luns a venres de 9:30 a 14.00 horas e de 15.30 a 21:00 horas, e os sábados de 9:30 a 14:00 horas.