A presidenta e voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, tilda de lamentable e perxudicial para os veciños da vila que «o goberno do concello siga retrasando a apertura do novo Centro de Saúde, que xa está preparado dende primeiros de ano para recibir aos primeiros pacientes, unha vez que terminaron as obras que lle correspondían ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), a pesar da boa sintonía demostrada polo Institución e que o alcalde non sabe aproveitar».

Debido ó retraso por parte do concello na acometida das obras que lle corresponden polo convenio subscrito co Sergas, o subdirector de Obras convocou ó concello a unha xuntanza para intentar desatrancar o retraso na apertura do centro. «Nun principio o concello confirmou a xuntanza para o luns 12, á que acudiría o alcalde, pero días despois Paco Ferreira solicitou o cambio para o mércores 14 ó que accedeu o subdirector de Obras do Sergas. A sorpresa foi maior cando este martes a última hora o concello informou que se cancelaba a reunión por motivos de axenda do alcalde«, sinalou Bouzós.

A voceira Popular «lamenta o pouco interese que demostra o alcalde na apertura do novo centro de saúde que viría a mellora a calidade asistencial a tódolos veciños de Gondomar».

«Non é de recibo que o alcalde retrase a apertura deste centro de saúde, e demostre con estes actos a súa nula capacidade por solucionar os problemas de tódolos veciños de Gondomar«, manifestaba a voceira.