O vindeiro 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolle a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co «Premio ao Destino Gastronómico», acto que contará cunha representación guardesa encabezada polo alcalde da vila, Antonio Lomba.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica de referencia a nivel comarcal e autonómico, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.

Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetareas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Langosta».

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira nace no ano 1991 e co paso dos anos a festa foi crecendo en días de celebración e a variedade de produtos do mar e doces que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das festividades gastronómicas de Galicia.

Na pasada edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman e consolidan un evento no que a Langosta é a raíña da mesa.