En Galegas 8M somos máis de 40 colectivos, asociacións, plataformas e sindicatos, ademais de moitas mulleres a nivel individual de toda Galiza.
Baixo o lema nin escravas, nin heroínas. Mulleres con dereitos XA!. Imos loitar polo que é invisíbel e por iso convocamos unha xornada nacional de mobilización e de combate. Este 8 de marzo todos os lugares serán a capital do feminismo apostando pola descentralización e levando a cada recuncho do país o noso berro, para dar lugar a unha nova data de reivindicación, combate e loita do feminismo en toda Galiza.
As mulleres sairemos ás rúas este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conseguir un mundo, tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!
Desde Galegas 8M do Porriño temos convocada unha Manifestación que sairá ás 20:00 horas da Praza do Concello, sumándonos ás mobilizacións a nivel galego, para o que facemos un chamamento a todas as mulleres do Porriño e arredores a participar connosco nesta xornada.
«Tamén queremos denunciar publicamente a falta de sensibilidade por parte do novo goberno do PP, organizando un acto institucional dende a Concellería de Igualdade no mesmo sitio e á mesma hora, incumprindo así o acordado no último pleno do mes de febreiro, no que saíu adiante a proposta do apoio institucional ás convocatorias do feminismo galego autoorganizado«, sinalan.
«O máis grave é que o concello non pode alegar descoñecemento da convocatoria de Galegas 8M, xa que a manifestación está autorizada pola Subdelegación do Goberno dende o 23 de febreiro e, polo tanto, posta en coñecemento do Concello dende esa data«, apuntan.