Carlos Gómez Prado, portavoz dos socialistas de Baiona, asegura que “o investimento aprobado o pasado venres pola Deputación de Pontevedra para a renovación da praza Victoria Cadaval demostra que o noso compromiso con Sabarís era real”.

“Presentamos este proxecto e dixemos que estaba encauzado, pese a que o PP e o señor Almuíña dicían durante a campaña que era fume”, lembra Gómez Prado.

Baiona recibirá, dentro do programa PON2030 da Deputación de Pontevedra, unha partida de 464.585,32 euros para a obra, que terá un orzamento total de 553.383,66 euros.

«O proxecto, elaborado hai meses polo Goberno local de Baiona liderado polos socialistas, cumpre varios obxectivos, recuperando o protagonismo para as persoas e, sobre todo, mellorando a mobilidade e a accesibilidade da praza», insiste Gómez Prado.

A praza terá amplos espazos de descanso e paseo, zonas verdes, renovarase o alumeado con tecnoloxía LED e todos os servizos da zona. “A xestión amosase con feitos; só no último ano, materializouse a reforma do paseo Pinzón, as obras de humanización na rúa Carabela Pinta e agora estas obras na praza Victoria Cadaval”, sostén Gómez Prado.

“O proxecto cambiará por completo a praza, que necesita esta renovación integral para mellorar a súa accesibilidade”, remata Gómez Prado, quen asegura que “os veciños e veciñas de Sabarís terán un novo centro neurálxico para o seu tempo de lecer, un lugar para gozar”.