O centro de saúde de Baiona afronta os meses de verán con recortes de persoal polas vacacións, “unha situación que cada ano empeora, mentres a vila duplica a súa poboación habitual en xullo e agosto”, asegura Carlos Gómez Prado, portavoz do PSOE.

O centro de saúde conta con sete médicos de familia e un pediatra, «pero este verán haberá sempre dous ou tres profesionais menos polas vacacións». “Estes recortes afectarán á Atención Primaria de forma significativa, pero a política do Sergas é desde hai uns anos non cubrir estas baixas”, lembra Gómez Prado.

“É unha situación que denunciamos xa o ano pasado, polo que lamento agora o silencio do goberno local de Baiona e do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, que coñece mellor que ninguén a situación da sanidade galega”, comenta o portavoz socialista e engade, «o alcalde foi conselleiro de Sanidade e só a Xunta de Galicia pode solucionar os problemas que temos en Baiona na Atención Primaria”.

Gómez Prado sinala que «a marxe dos problemas no verán, a propia Xunta recoñece, no seu Plan de Mellora de Atención Primaria de Galicia, que no centro de saúde de Baiona faltan para cumprir todo o ano cos radios recomendados dous médicos, un pediatra e tres enfermeiras máis, ademais de persoal administrativo, celadores e auxiliares de enfermería».

“E nos servizos comúns para o Val Miñor que se prestan na Xunqueira, temos listas de espera de ata seis meses por unha cita en saúde mental, psiquiatria e psicoloxia, ou radioloxia”, remata Carlos Gómez Prado.