Os Uruguaios viñeron despois

O vinceiro venres 4 de outubro, ás 20:30 horas, no auditorio Luís Tobío de Gondomar presentarase a curtametraxe “Os Uruguaios viñeron despois”.

Con guión de Pablo Casal e producida por “Ño¡ Espazo Creativo” e o propio Pablo Casal. Esta é a segunda curta do autor despois de que no ano 2014, xunto con Ollomol audiovisual, estrearan “Auga, terra…Aire (a bolsa)” .

A presentación do acto será dirixido pola xornalista e guionista gondomareña Araceli Gonda.

Este traballo foi realizado ao longo de case catro anos por persoas que viven na súa meirande parte en Gondomar. Todas as localizacións e escenas graváronse neste concello.

“Esta tolemia histórico-medioambiental reflicte as nosas inquedanzas e desacougos como habitantes do Val de Miñor, como cidadáns galegos , en contra da deforestación e do empobrecemento da terra. Temos moitos recursos naturais que non se aproveitan porque vivimos esencialmente de costas á natureza, instaurados en permanente posición de presunta superioridade e depredación”, sinala Pablo Casal.

“Antes tiñamos unha paisaxe en mosaico. As estacións coloreaban a vida, primavera e outono eran un espectáculo, ante os nosos ollos despregábase unha vizosa paleta de cores, chea de matices. As forestas prognosticaban a estacionalidade. Todo isto fixábanos máis a terra, ao mundo, fidelizábanos, uníanos… logo chegaron tempos de depredación, de monocromía, dun único RAL, de cultivos aliñados marcialmente dispostos a abrir fogo. Agora seica tocamos fondo e parece que hai esperanza, en xeral albíscanse cambios e unha volta ás raíces…imos ver…”, comenta Casal

“A vida, tal e como a coñecemos, sería inviable sen a sempiterna descomposición da materia orgánica e a súa reintegración nos novos procesos vitais… a retro-alimentación permanente…eterna. Ao mesmo tempo, queremos amosar o noso respecto e recoñecemento a todos aqueles e aquelas que dende a distancia fixeron país, e afondaron nas raíces e nos valores da cultura galega vencellada cos pobos que os acollían (Uruguai, Arxentina, Venezuela, Cuba, México…)” finaliza o autor.