Gondomar en Negro Contra a Violencia de Xénero

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.

“Gondomar en Negro” propon vestir de loito a vila en sinal de dor pola violencia de xénero, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. «Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Gondomar, e sodes o gran escaparte que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Gondomar libre de violencia de xénero», indican dende o Concello.

Do 19 a 26 de novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro, nós facilitarémosche material e información que tamén compartiremos nas redes sociais.

Mañá venres 16 de novembro, dende as 17.00 ata as 20.00 horas e o sábado dende as 11.00 ata as 13.00 horas, na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar, haberá un reparto do material que precisedes (bolsas, camisetas para vestir os manequíns , mandís e cartáceas hasta fin de existencias) a todos aqueles que queirades participar.

O 23 de novembro, ás 12.00 horas, haberá unha concentración na Praza do Concello onde procederase a lectura do Manifesto. O domingo 25 no Auditorio Lois Tobio, cinema documental Crónicas de Silencio e Sal, a entrada e de balde, e tamén durante a fin de semana diferentes equipos deportivos de Gondomar xogarán coas camisetas co lema “Gondomar en Negro Contra a Violencia”.

Esta campaña desenvolverase conxuntamente con outras 106 vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia xénero como un problema público, de toda a cidadanía.

Se queres participar podedes enviar un correo electrónico a alcaldia@concellodegondomar.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) para maior información.