O Concello de Gondomar súmase este ano á conmemoración do día de Rosalía de Castro organizando unha actividade dirixida ás novas xeracións, aos máis pequenos, “para sementar neles o legado que esta gran escritora deixounos aos galegos e a toda a literatura universal”, afirma o alcalde, Paco Ferreira.

Desta maneira, este mércores 23 de febreiro a partir das 17.00 horas na Praza Paradela, o grupo de animación Animar- t poñerá en marcha un taller moi concreto. Nel facilitaranse os materiais necesarios a cativada que queira crear postais nas que a imaxe de Rosalía de Castro e os seus poemas ou frases máis ilustres servirán para darlles forma e contido. Unha actividade onde estarán guiados por monitores, pero que se abrirá aos familiares que queiran participar e axudar nesta manualidade.

“Miña casiña, meu lar”

A partir desa hora tamén poñeranse ao dispor dos hostaleiros do municipio os manteis “O Caldo de Gloria”, editados con motivo do día de Rosalía de Castro pola Vicepresidencia da Deputación Provincial. Neles recóllense o texto de “Miña Casiña, meu lar” da obra de Follas Novas, acompañado da explicación da mensaxe que encerra ese magnífico texto e que reflicte imaxes propias dun momento histórico que ten ben describiu a escritora de Padrón.

Manteis que tamén se repartirán nos comedores escolares para poñer ao alcance das novas xeracións a importancia de tan insigne muller e cos que o concello e a institución provincial queren lembrar a “Rosalía no seu día compartindo en lugares público ou non ambiente familiar este caldo de gloria, o caldo dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.