YOUTUBE

O pasado mércores, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar con 13 votos a favor e 4 abstencións do PP, aprobou a proposta defendida por Antonio Araújo Quintas, en nome de «Manifesto Miñor-En Marea» de rexeitar o proxecto de parques eólicos nas serras do Galiñeiro e da Groba.

«Estas dúas serras son o perfil inconfundible e a xénese mesma do Val de Miñor, sen as cales, non existiriamos con todas as especificidades que nos distinguen doutras Comarcas do País, por iso temos a obriga moral e política de defendelas e dicirlle á Xunta que non imos permitir semellante aberración. Ollo, iso non supón estar en contra dunha enerxía limpa como é a eólica, pero, nin os muíños de vento poden ir en calquera lugar estragándoo todo, e moito menos poñendo unha enerxía renovable e un territorio ao servizo de intereses especulativos que só buscan o negocio sen beneficiar, sequera, ás Comarcas ou lugares onde son implantados«, sinala o voceiro de MM-EM Antonio Araújo Quintas.

«Só unha organización como MM de carácter e vocación Miñorá, podía levar en conxunto estas dúas problemáticas. Foi aprobada a moción, maila saír do ámbito local e por iso agradecemos os apoios das demais forza políticas«, indica .

«Dicir tamén, que aceptamos incorporar á nosa moción varias achegas do BNG que melloraron a proposta resultante, unha delas a de solicitar a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia á toda a Serra do Galiñeiro«, expón Araújo.

«De novo o Goberno Galego volve ter a voz da cidadanía de Gondomar enriba da mesa por se cría que estabamos durmidos ou que tiraramos a toalla. Que non teñan dúbidas que volverán as mobilizacións se teiman no asunto«, finaliza.