O 30 de abril ás 20 horas o centro cultural da Guarda acolle o acto público multimedia organizado polo BNG de recoñecemento a Castelao no 75 aniversario da súa morte. O evento que se desenvolve a partir da exposición da escritora Marta Dacosta, inclúe un monólogo do actor Elias Araujo, os debuxos en directo do debuxante Tokio e as actuacións musicais de Tino Baz e de Cristal Méndez acompañada do guitarrista Bieitosolo.
O acto, que se enmarca dentro do programa organizado con motivo do Ano Castelao,ten como finalidade contribuír a darlle o recoñecemento que merece este brillante artista, escritor e investigador que segundo el mesmo dicía era fundamentalmente político.
Castelao é a referencia fundamental para o proxecto político e ideolóxico do nacionalismo, imprescindíbel para entender a historia de Galiza e un líder indiscutíbel dunha dimensión e integridade únicas.
O seu legado político, a súa xenerosa e brillante obra e a súa traxectoria de compromiso co noso país teñen que ser guía para continuar defendendo os nosos intereses, os das clases populares e tamén as loitas de liberación nacional no mundo e de costas á orde internacional que impoñen as grandes potencias colonizadoras que é a grande lección que nos deixou.
