A Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Veterinaria veñen de acordar a identificación de máis de 200 exemplares de gando equino que viven en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes da Serra da Groba e Gondomar, dando así resposta á inquedanza das comunidades de montes e ante a «inacción» da Xunta de Galicia.
En total, a institución provincial inviste na actuación 9.600 euros en toda a provincia co obxectivo de preservar o valor etnográfico, turístico, medioambiental e sostible das explotacións gandeiras tradicionais, ao tempo que impulsar o cumprimento da normativa vixente relativa á identificación dos équidos.
En total, a través desta iniciativa, vanse identificar máis de 200 équidos dos que 140 viven na Serra da Groba (Val Miñor e Baixo Miño), outros 40 están vencellados co Curro de Morgadáns (Gondomar) e 25 co Curro do Galiñeiro (Gondomar).
O sistema de identificación inclúe un documento permanente único, un microchip e unha tarxeta de movemento equino editada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Amais, o gando equino identificado formará parte dunha base de datos.