CEDIDA

Pasaban uns minutos das 13:30 horas do pasado martes, cando varios veciños do barrio de Anta, en Areas (Tui), asustábanse ao escoitar un estrondo ao lado das súas vivendas. O sair a rúa, observaron como un artefacto con lume sobrevoa as súas casas deixando un gran rastro de fume branco. Deseguido, escoitan unha segunda, terceira e cuarta detonación. Por instinto xiran as cabezas e localizan cadanseu aparello voador, con diferentes destinos, pero coa mesma descrición e a mesma orixe.

Neses momentos de confusión, unha das veciñas máis próximas as detonacións, alerta por «WhatsApp» ao grupo de Voluntarios de Areas, do que está acontecendo, mentres se chama a «Garda Civil». Varios voluntarios mobilízanse por varios puntos estratéxicos da parroquia, uns polo monte e outros pola zona onde se tiraron os artefactos. «Todo apuntaba que había unha intención de prender lume nos montes de Areas. Despois de inspeccionar a zona por varios voluntarios só se puideron localizar dous dos catro «artefactos incendiarios voadores», sinalan dende a Asociación de Veciños Monte do Seo.

«Os artefactos en cuestión eran «foguetes bengalas con paracaídas», similares ás que se utilizan en emerxencias marítimas para pedir auxilio facéndose ver a longa distancia. Estes «foguetes» teñen un alcance mínimo de altura duns 300 metros. Ademais, deben manter lume durante uns 40 segundos, de aí o seu elevado risco de provocar incendios intencionados a distancia», indican dende a Asociación.

A patrulla da Garda Civil que se acercou ao lugar dos feitos tomou nota das declaracións dos veciños testemuñas alí presentes, sacaron fotos e levaron consigo os artefactos para analizar. A día de hoxe continúan a investigar para esclarecer o acontecido.

«Voluntariado Monte Areas»

Hai xa 14 anos que un grupo de veciños-comuneiros da parroquia de Areas, se xuntaron e decidiron organizar vixilancias do seu entorno, en especial na época de maior risco incendiario.

Daquela, varios gardas forestais visitaran a zona para formar os voluntairos na detección e extinción de lumes, co reparto final de chalecos, que os identificaban como voluntarios, e varios batelumes. A día de hoxe hai máis de 50 voluntarios que percorren o monte de Areas por parellas, todos os días de verán de maneira rotativa por un calendario interno.

«A día de hoxe, os veciños amósanse moi preocupados polo acontecido e agradecen a colaboración cidadá que poida axudar con información. Agardamos que as persoas implicadas no lanzamento dos artefactos que puxeron en risco os nosos montes, no pasado martes, sexan identificadas o antes posible«, apuntan.