Loló e Mamá
Loló e Mamá

O auditorio Lois Tobío de Gondomar, acolle este sábado, as 20:00 horas, unha danza teatral da man de Loló e Mamá. A entrada ten un custo de 3,50 euros.

Loló e Mamá é unha danza teatral que grazas a un humor fino e ácido consegue facernos ver que as cousas case nunca son o que parecían, que as relacións familiares case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e sobre todo, que o amor é unha ferramenta de dobre filo: canto máis se ama, máis doen as cousas, antes de curar.

Sinopse:

Mamá queda no paro e decide instálase na casa da súa filla, Loló, a un océano de distancia. Mais o que semellaba unha idea xenial que axudaría a xuntar a unha familia desestruturada dende sempre, pronto se transforma en desastre. Como acolle unha filla o retorno da nai? Quen é a nai e quen a filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento?
De que maneira conviven agora coa loita cotiá, contra o aburrimento, unha nai que foi reporteira de guerra e que agora non ten nada que contar… e unha filla, que fronte á ausencia da súa nai, estruturou a súa vida a base de loita individual? Canto tempo pode pasar ata que estoupe a guerrilla familiar?.