O cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, Luís Bará, fixo hoxe no mitin da Guarda un chamamento a “pontonizar” Galiza para “construír colectivamente un país mellor”. Anunciou que o Bloque ten proxecto para Galiza e tamén a mellor candidata, por iso ao chegar á Presidencia da Xunta, dixo, «porase en marcha o método Ana Pontón: diálogo e acordos para poñer o país a producir e mellorar a vida das persoas».

Bará animou a toda a cidadanía da Guarda e en xeral da provincia de Pontevedra a conseguir un cambio no goberno galego o vindeiro domingo participando masivamente e concentrando o voto na papeleta do BNG, “que é unha papeleta na que cabe toda Galiza, toda a xente que lle quere a este país e quere unha Galiza mellor”. “Hai partido”, dixo.

Afirmou o nacionalista que canto máis avanza a campaña a forza liderada por Ana Pontón sube máis nas enquisas e recibe máis apoios, especialmente na provincia de Pontevedra, onde nestes momentos o BNG –asegurou- está en condicións de disputar o noveno deputado ou deputada, algo que arrebataría a maioría absoluta ao Partido Popular.

No mitin de A Guarda destacou que hai “moita ilusión, moita esperanza e entusiasmo dunha maioría do pobo galego que quere cambio porque o proxecto do Partido Popular está esgotado e hai unha alternativa forte, ilusionante e de futuro que encabeza Ana Pontón”. Afirmou que aínda que as expectativas son boas “non está nada feito”.

En chave local, Bará garantiu que un goberno do BNG na Xunta reforzará a cobertura sanitaria na zona, provocada en parte polas malas comunicacións e a falta de infraestruturas viarias que conecten a Guarda. Neste sentido, avogou por adoptar medidas para garantir persoal sanitario facilitando compensacións aos profesionais que opten por traballar na zona, facendo así a área máis atractiva.

En materia de comunicacións, anunciou que o BNG fará realidade dende a Xunta melloras no transporte público, cunhas comunicacións dignas por autobús, así como un plan de mellora das estradas autonómicas. Salientou que se dará un impulso ao novo acceso ao porto, se buscarán fórmulas de conexión con Caminha e, despois de 20 anos de desidia, se darán pasos urxentes para finalizar a VAC Tui-A Guarda rematando proxectos e adxudicando contratos. Criticou, neste sentido, que despois de ter gardado no caixón esta infraestrutura durante anos, o PP volvese prometer finalizar as obras nesta campaña electoral. “Hai que ter cara”, dixo.

Bará puxo sobre a mesa tamén o apoio ao sector do mar e garnatiu que o BNG buscará a maneira de frear os proxectos da eólica mariña previstos na zona por chocar plenamente cos intereses da pesca.

A candidata da comarca Carme Núñez, subliñou pola súa banda que nos últimos anos acumúlanse as queixas no Baixo Miño polas malas condicións da sanidade. Destacou que “vivímolo todos no noso día a día: falta persoal, demoras nas consultas do médico de familia, 15 días agardando unha cita e cando chegas apenas dispós de poucos minutos para ser atendido, apenas tempo para atender pacientes complexos…”. Fronte a isto anunciou que o BNGporá en marcha un Plan de rescate da Atención Primaria urxente cun investimento inicial de 200 millóns de euros.

Falou tamén a nacionalista das necesidades en infraestruturas, transporte ferroviario, educación, atención ás persoas maiores e á infancia. “O que pode facer o PP xa o demostraron durante estes 15 anos. Fagamos algo diferente Probemos a cambiar as cousas. Vexamos agora o que pode facer o BNG , démoslle esa oportunidade”, pediu.

Finalmente, Anxo Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda, animou a guardesas e guardeses a tomar parte activa do cambio que, asegurou, será histórico.