O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, apostou hoxe no Val Miñor polo fortalecemento dos servizos públicos e nomeadamente da educación por ser “garantía para o desenvolvemento do país e para a equidade”. O nacionalista puxo sobre a mesa a necesidade de cambiar o modelo educativo, destacando que a crise da COVID-19 evidenciou o fracaso do modelo pedagóxico vixente: “Hai que facer mudanzas, aceleralas e aprobar unha Lei galega da Educación que marque unha liña de traballo nova consensuada con todos os sectores do ámbito educativo”, salientou.

Nun encontro con ANPAs dos colexios dos tres concellos do Val Miñor e representantes da plataforma de persoas afectadas pola fenda dixital, Bará explicou que o BNG no goberno da Xunta traballará polo ensino de cero a 18 anos e a incorporación da etapa de toda a Educación Infantil á Consellería de Educación -non á de Benestar Social-, así como polo incremento no gasto en Educación, co obxectivo de chegar ao 7% que propón Nacións Unidas, xa que agora mesmo Galiza está en menos da metade.

Por outra banda, o nacionalista defendeu a xestión pública dos comedores escolares (un tema especialmente sensible na zona do Val Miñor), así como do fomento do consumo de produtos frescos e de proximidade para garantir unha boa alimentación do alumnado. Tamén insistiu na urxencia de planificar o inicio do curso con motivo da COVID-19, tomando as rendas dende a Consellería de Educación e non trasladando o problema ás direccións dos centros. “É fundamental consensuar un protocolo para o inicio do curso que contemple dous escenarios, o primeiro a volta a unha normalidade alterada, e o segundo un novo posible confinamento”, destacou.

Neste sentido, explicou que o BNG ten un plan -a debater co sector- que contempla medidas “necesarias pola crise pero tamén de cara ao futuro” de carácter estrutural, ao respecto dos espazos nos centros e as súas adaptacións; a nivel sanitario, con medidas de prevención e continxencia para ter en conta e aplicar nos centros con seguridade; e no ámbito pedagóxico, cun incremento do profesorado e unha diminución de ratios de alumnado. Por último abondou na necesidade de aplicar medidas de carácter social porque a crise puxo de manifesto as desigualdades “e non podemos permitir que unha parte do alumnado se desvincule e se desconecte do ensino público debido a esta situación. O que hai que facer, precisamente, é o contrario, compensar as desigualdades e axudar a quen máis o precisa. O ensino é fundamental para iso”, reivindicou.

Con respecto ao ámbito da tecnoloxía e da fenda dixital, Bará subliñou que a crise tamén puxo de manifesto as desigualdades sociais e territoriais que hai que corrixir. Fixo fincapé en que un goberno galego do BNG impulsará un plan para facer chegar a banda larga e conexións a internet rápidas, competitivas, do século XXI a todo o territorio. “Esta comarca ten graves deficiencias nesta materia e debe ser obxecto dun plan a este respecto, fundamentalmente para o ámbito do ensino aínda que esta cuestión ten que ver coa vida cotiá, o traballo e tamén coa relación coa administración e do aprendizaxe e o ensino”, indicou.