O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo o legado da obra do arquitecto Antonio Palacios, autor de inmobles insignes nas Rías Baixas e na capital do país, como o reflexo dos lazos que unen á provincia de Pontevedra e Madrid no acto de conmemoración do 150 aniversario do nacemento do construtor porriñés que organizou o Grupo Editorial Prensa Ibérica este venres na Praza do Cristo do Porriño.

Un acto no que participou o mandatario provincial, acompañado por membros do goberno da Deputación, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e o alcalde de Madrid, Jose Luis Martínez-Almeida.

Falamos dunha relación sólida e duradeira, como esa pedra. Integrada e harmónica, tal e como loce na fachada. Discreta a primeira vista pero sempre presente”, expuxo o mandatario provincial facendo referencia ao escudo de Galicia que o arquitecto Palacios integrou no centro do escudo de España que preside a fachada do Palacio de Cibeles.

Na carpa instalada na praza do Cristo do Porriño rendeuse homenaxe a un dos grandes referentes da historia da arquitectura en Galicia e España. Con motivo do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés, o grupo editorial de cabeceiras como Faro de Vigo organizou unha xornada na que se puxo en valor a obra de Antonio Palacios en Madrid e en Galicia, a través da proxección de dúas pezas audiovisuais e un coloquio titulado “Galicia e Madrid no 150 aniversario de Antonio Palacios” do que tomaron parte o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o alcalde do Porriño e deputado provincial, Alejandro Lorenzo; e rexedor madrileño, Jose Luís Martínez-Almeida. Unha xornada que rematou coa interpretación dos himnos de Madrid e Galicia.

No seu discurso, o presidente Luis López afondou na lonxeva relación que une a pontevedreses e madrileños. “Palacios tamén construíu unha ponte de unión, de cordialidade e –por que non dicilo— de intereses mutuos entre esta beira da Península e o seu centro. Hoxe, nun momento onde algúns queren levantar muros de agravios, división e ruído, é máis importante que nunca dicir que segue moi en pé”, defendeu o dirixente provincial, quen asegurou, diante da presidenta e alcalde de Madrid, que a cidadanía madrileña “sempre vai ter aquí unha casa”. “Énchenos de orgullo que nos elixan sempre para pasar os mellores días do seu ano, nas Rías Baixas ou transitando o Camiño unha e outra vez. Pero tamén para que veñan facer un negocio, a obter un título educativo ou, sinxelamente, a comezar unha vida aquí. E pola contra, sei tamén que os pontevedreses que fan o propio en Madrid atópanse sempre coa porta aberta”, incidiu López.

Despois de poñer en valor o labor do alcalde, Alejandro Lorenzo, “un galáctico do municipalismo”; do presidente Rueda, “que nos xestiona con solvencia dentro e nos defende con firmeza fóra”; Luis López concluíu o seu discurso salientando un rasgo compartido entre os dous territorios que marcaron a vida do “xenio” Antonio Palacios: “quen vai a Madrid ou a Pontevedra sempre teñen algo en común: que volven”.