Nun comunicado de prensa, a voceira socialista no Concello da Guarda, Monserrat Magallanes, afirma que «A Guarda é un concello saneado, isto quere dicir que o concello non ten practicamente débeda con bancos (a débeda con bancos a data de 2021 era de 249.000€) e non ten débeda con provedores. O diñeiro en bancos a data de 31 de decembro de 2022 era de 559.752,95€ e na liquidación do exercicio de 2022 se deixaba un remanente de tesourería positivo por importe de 716.548,94€».
«Cando os socialistas collemos no ano 2007 as rendas do concello da Guarda, había unha débeda con bancos de 2.150.606,64€ e débeda con provedores de 2.238.488,47€ (datos do ano 2006). Entraban escritos reclamando o pagamento de débedas, un día si e outro tamén, incluso algúns escritos ameazaban con cortes do subministro, como o da luz. Era un concello endebedado, sen dirección e opaco«, asegura a socialista.
Explica no comunicado que o anterior goberno socialista tampouco deixou débedas con provedores, «este próximo luns 17 de xullo se procederá ao pagamento das facturas presentadas na segunda quincena de abril e na primeira quincena de maio. Polo que hai un tránsito normal no pagamento de facturas, e deixamos pagadas todas as facturas presentadas no ano 2022″.
Afirma a socialista en que durante estes anos o equipo de goberno liderado por Antonio Lomba e a concelleira de Facenda, Montserrat Magallanes, foron saneando o concello da Guarda. «Non só ao rebaixar a débeda con bancos ou reducir o prazo de pago a provedores, acadar o cumprimento das regras fiscais e aumentando o dispoñible en bancos, senón que entre outras actuacións fomos quen de resolver unha situación delicadísima co municipio veciño de Caminha. A falla de pagamento polo funcionamento do ferry durante os anos de goberno popular, fixo que Caminha nos plantease unha demanda superior aos 2 millóns de euros (2 millóns e os intereses deses anos), pois con moito traballo e implicación de diferentes departamentos do concello, entre outros, o asesor xurídico ou os departamentos de tesourería e intervención acadamos unha solución por 200.000€. Solucionamos un verdadeiro problema, xerado ploo goberno do PP, para as arcas municipais. Débeda con Caminha saldada. Como solucionamos as indemnizacións polas 21 licencias (19 de elas outorgadas polo PP e Fariñas) e así, a día de hoxe, e despois de moito esforzo económico temos practicamente liquidadas todas».
Insiste Magallanes en que a situación económica do concello da Guarda é a dun concello saneado, o equipo de goberno anterior, liderado por Antonio Lomba, deixa un elevadísimo grado de execución do orzamento do ano 2023. «Porque os veciños e veciñas da Guarda nos deran a súa confianza para xestionar, executar o orzamento, buscar cartos doutras administracións para desenvolver proxectos, etc…dende logo non estabamos para quentar sillóns. Se lles fae falla póñanse cun novo orzamento para 2023, dispoñen de maioría suficiente, non busquen escusas».
Magallanes asegura que deixaron proxectos por máis de 4.800.000€, «proxectos –di– moi importantes para A Guarda como a rehabilitación integral da Piscina Municipal ou a reforma integral do bloque 1 de Sinde Vello. Gobernar non é sinxelo, pero nunca o tivo máis fácil unha corporación. Lles deixamos proxectos para os próximos anos, coa subvención xa concedida, cartos que pasarán ás arcas municipais».
En relación co sentido do voto no pleno organizativo desta pasada semana a postura do Grupo Municipal Socialista «é a de preocupación xa que a proposta inicial do Sr. Carrero era dunha adicación do 80%, a cidadanía guardesa non quere un alcalde con adicación parcial, queremos un alcalde de luns a domingo e as 24 horas do día. Non queremos un alcalde ausente, onde o tenente de alcalde campe as súas anchas. E dende logo non trate de enganar, non cobrará salario do concello da Guarda porque o vai cobrar da Deputación de Pontevedra», critica a voceira socialista.
Magallanes apunta que van valorar a presentación de denuncia ao Sr. Roberto Carrera por «falsidade e difusión de mentiras que afectan ao prestixio de persoas que, como todos os veciños e veciñas saben, fixemos un inxente traballo por sacar ao concello da Guarda adiante, executar obras e mellorar os servizos sen subir impostos e deixalo neste 2023 saneado».