Cris Andina // Foto final del premiados na XXI edición do Festival de Cans.

O Festival tivo un remate espectacular no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, coa actuación de The Rapants, que fixeron bailar sen parar ás perto de 2.000 persoas que se acubillaron baixo a carpa. Xa pola tarde, o mesmo espazo vibrou coa actuación de Nat Simons e ese mesmo día tamén deixou outros momentos memorables como a presenza de última hora de Grande Amore no Jalpón de Juan e Mucha do Peso, onde o seu líder Nuno Pico acabou sendo aclamado e paseado nos ombreiros do público.

A actuación de Su Garrido no Espazo Rei Zentolo do invernadoiro tamén deixou un momento único, ao acabar a actuación cantando e tocando a pandereta coa súa avoa e a súa tía avoa, históricas cantareiras da aldea de Traspielas en Pazos de Borbén.

O multitudinario coloquio no Torreiro co cineasta David Trueba, ao que asistiron máis de 300 persoas, foi outro dos grandes momentos do festival, asi como a posterior colocación da súa estrela no Torreiro. Neste mesmo lugar viviuse o día anterior un momento emocionante coa colocación da estrela á Premio Pedigree María Vázquez e ao mesmo tempo histórico, ao contar coa presenza do Ministro de Cultura Ernest Urtasun e a Vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz. Outros dous momentos cargados de emoción foron os da homenaxe a Kepa Junkera, o mércores do festival e o momento no que as pandereteiras de Cans foron cantar á porta da casa da actriz Janet Novás, orixinaria da aldea, e esta, moi emocionada e coas bágoas correndo pola súa cara, ofreceu o Premio Goya a todas as súas veciñas e veciños.

Durante toda a semana, as matinais do festival viviron un fervedoiro de mozas e mozos novos chegados de colexios e institutos de toda Galicia. Perto de 800 rapaces pasaron ao longo de catro días pola sección “Cans do futuro”, onde asistiron a proxecións no Baixo de Bugarín e percorreron a aldea para coñecer os seus espazos emblemáticos.

Entradas esgotadas nas curtas e moito público nas longametraxes

Por vez primeira desde 2019, todas as entradas de pago disponibles para asistir ás curtametraxes nos jalpóns e nas actuacións no Invernadoiro, esgotáronse dez días antes do festival. Todas as longametraxes programadas polo certame tiveron unha gran asistencia de público, especialmente o filme de apertura “Alumbramiento” de Pau Teixidor”, que reuniu a 250 persoas no salón noble do Círculo Recreativo Cultural, e o filme “As Neves” de Sonia Méndez, da que houbo que facer unha segunda sesión no Baixo de Bugarín, ante o numeroso público que quedou fora no primeiro pase.

Ademáis de David Trueba, María Vázquez, Eduardo Rodríguez “Tatán”, ou Janet Novás, númerosos actrices, actores ou directores pasaron por Cans estes días, entre os que estiveron os actores e actrices Carlos Blanco, Miguel de Lira, Diego Anido e Sara Casasnovas, directores como Álvaro Gago, Sonia Méndez, Jorge Coira e Enrique Otero, compositoras recoñecidas como Zeltia Montes, directoras de arte como Melania Freire ou músicos que estiveron entre o público como Xabier Díaz, Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos, Uxía e outros máis novos de bandas como Fillas de Cassandra, De Ninghures, Mondra ou Caamaño e Ameixeiras, que pasaron pola animadísima Noite Lasal dos videoclips.