Un total de 238 persoas maiores de 50 anos de 27 concellos da provincia gozarán entre este domingo día 5 e o 10 de novembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Novo Astur de Vilalonga, no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo, nas Termas de Cuntis e no Hotel Bienestar Moaña, sendo os dous últimos os fixados para a estadía diúrna.
Durante a súa estancia poderán gozar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos como sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, piscina terapéutica, actividades para mellorar a mobilidade e a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés, entre outros moitos.
Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoita de tres grupos, que estarán aloxados nos establecementos hoteleiros ata o venres 17 de novembro. A primeira destas expedicións, que conta con 67 persoas inscritas dos concellos da Estrada, Bueu, Meis, Oia, Sanxenxo, Tomiño e Vigo, partirá rumbo ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo.
O segundo grupo, que irá ao Hotel Novo Astur de Vilalonga, está composto por 36 persoas da Estrada, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Lalín, Marín, Moraña, O Rosal, Redondela, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vigo. Por último, 97 persoas dos concellos da Cañiza, A Estrada, Bueu, Cangas, Crecente, Marín, Mondariz, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Vigo e Vilagarcía desfrutarán dunha estadía no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo.
No que atinxe ás saídas diúrnas, serán 20 as persoas dos concellos da Illa de Arousa, Catoira, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova que desfrutarán dos tratamentos termais das Termas de Cuntis dende o luns 13 de novembro ata o venres 17. Por outra banda, 18 persoas de Covelo, Moaña, Redondela e Vigo farán o propio no Hotel Bienestar Moaña.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.
“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.