O Museo do Pobo Galego, en colaboración co Proxecto Socheo e o Concello da Guarda, expuso as fotografías e os filmes deste pioneiro fotógrafo e cineasta guardés, acadando máis de 8.000 visitas, destacando entre elas visitas de toda a xeografía galega, nacional e tamén internacional.

O Proxecto Socheo para a recuperación da memoria visual da Guarda e o Baixo Miño foi o encargado do traballo de investigación e recuperación dos arquivos, datados dos anos 20 e cedidos pola familia do autor. Co apoio do Concello da Guarda, estes materiais mostráronse primeiramente nesta vila (2016), nunha exposición da que agora podemos gozar en Santiago de Compostela.

Nesta liña, Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, destaca a importancia dos labores de recuperación e difusión do traballo deste pioneiro guardés, «cun gran valor etnográfico e sentimental para A Guarda» por retratar escenas da vida cotiá dunha época, ata fai pouco inéditas.

A mostra está enmarcada nas actividades paralelas á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego.

Sobre a obra de «Costiña»

Joaquín García Portela naceu na Guarda en 1894. Emigrou a Bos Aires (Arxentina), onde afondou na súa formación como fotógrafo, retornando á vila xunto coa súa familia nos anos 20. Aquí abriu o seu estudo de fotografía, exercendo ata a súa morte en 1957.

O seu interese pola técnica levouno a sacarse a licenza de técnico de radios e a mercar un proxector e unha cámara Pathé de 9,5 mm, coa que realizou numerosos filmes de tipo familiar e costumista. «Costiña» foi, así, o precursor do cinema na Guarda.