Oitenta e seis persoas responderon á convocatoria do Concello de Tomiño para a realización dun novo curso de «Caixeira/o – Repoñedora/or» de 40 horas de duración, 30 delas prácticas e non remuneradas.

A acción formativa, sen custe para os participantes e con 20 prazas, comezou onte. A parte teórica desenvolverase os días 27 e 28 de maio, de 16.30 a 21.30 horas. As prácticas (non remuneradas) serán a partir do 28 de maio en supermercados do Baixo Miño e, posiblemente, algún de Vigo.

O Centro de Formación O Regatiño, de Goián, é a sede deste novo curso, impartido por Academia Elisa. Na selección dos 20 aspirantes que comezaron a actividade onte, tívose en conta ás persoas que estaban na lista de agarda do primeiro curso organizado hai uns meses, ser de Tomiño, ter a ESO e estar desempregado.

Das 86 persoas inscritas, 79 son mulleres e 7 homes; de Tomiño 67 e doutras localidades 19, chegando fora de prazo 3. “Decidiuse realizar o curso antes do período estival para abrir a posibilidade de contratacións das persoas seleccionadas nos lugares de prácticas, como xa ocorrera con 4 do curso anterior”, explica o concelleiro de Promoción Económica en funcións, Antonio Tartaglione.

Visto o grande número de persoas interesadas no curso, e co fin de facer unha selección o máis xusta e menos excluínte posible, alén dos criterios establecidos inicialmente, considerouse a opción de deixar unha porcentaxe de prazas para persoas que non os cumpriran (con discapacidade, maiores de 45 ou sen formación académica).

Queda novamente confirmado o enorme interese espertado por este tipo de formación e a necesidade de realizar nun breve período de tempo, unha nova convocatoria”, apunta o edil.