Biblioteca Municipal de Tui

Mañá 2 de abril celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Por este motivo a Biblioteca Municipal de Tui convidan a festexar esta data dende o confinamento doméstico con catro propostas. Son as seguintes:

1.- Ler en familia algunha obra de literatura infantil, especialmente recomendada a lectura de contos polos pais e nais aos fillos máis cativos para fomentar o gusto polos libros e a lectura.

2.- Participar no concurso promovido por Galix “Un poema na túa voz”. Neste momento no que os nenos e nenas están nas casas coa súa familia, animámos a  ler con eles poesía galega, que sexan os rapaces e rapazas as que vola lean e a que gravedes as súas lecturas e as enviedes a Galix. A información está dispoñible en Galix.

3.- Acceder a literatura infantil e xuvenil dende casa, algunhas que recomendamos son:

  • O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas no mundo dixital, e ofrece contidos todos os días no Salón Virtual
  • O Colectivo NOGA #narracionoralgalega crea a canle de YouTube Pandemia de contos, onde se poden atopar historias breves contadas por diversas narradoras e narradores orais.
  • A editorial Galaxia ten creada no Instagram a conta Galaxia Infantil, na que se están a colgar vídeos nos que as autorías falan dos seus libros
  • A páxina web de Kalandraka, que ofrece moito material videográfico arredor da literatura.
  • En páxinas como a de Os Bolechas, por exemplo, podemos atopar contido para ocupar o tempo de lecer das nosas crianzas.
  • Atoparedes vídeos, series, música, audio-contos e xogos en galego na web do Xabarín en CRTVG. Non vos perdades os divertidos Karaokes do Xabarín, para cantar en familia. Na canle YouTube do Xabarín.
  • Na canle de YouTube Sonárbore, a canle en youtube da Editorial Galaxia, hai moitos vídeos para cantar e bailar en galego.
  • Na páxina da Real Academia Galega: contidos para o público infantil sobre Carballo Calero a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Máis información na web de Galix.

4.- Dende a Biblioteca Municipal lembramos que os nosos socios ou calquera cidadán pode acceder a “Galicia Le

GaliciaLe é a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura. GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.

En GaliciaLe o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo galego” e outro que aloxa o “Catálogo en castelán”. As obras incluídas nestas dúas contornas poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.

En definitiva, dende a nosa casa temos moitos xeitos de celebrar este Día do Libro Infantil e Xuvenil . Boas lecturas para todos!!

Día do Libro Infantil e Xuvenil

Dende 1967 cada 2 de abril, por iniciativa do IBBY (International Board on Books for Young People), celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Nesta data conmemórase o aniversario do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, figura fundamental na literatura infantil de todos os tempos.

Con esta celebración o IBBY pretende promocionar a boa literatura infantil e xuvenil. Cada ano encoméndase a unha sección nacional a selección das persoas relevantes no seu país que, no campo da escrita e da ilustración, realizarán o cartel e a mensaxe que se traducirá a todas as linguas presentes na organización e se difundirá a nivel internacional.

Este ano 2020 correspóndelle á sección de Eslovenia representar ao IBBY a través do texto de Peter Svetina e o cartel de Damijan Stepancic. A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), como sección da Organización Española para la Literatura Infantil (OEPLI), ocúpase da tradución ao galego e da súa difusión en Galicia.

Neste texto Peter Svetina escrebe:

Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.

Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.

Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.

Podemos acceder o texto completo en Galix: