Telemariñas

A Mancomunidade do Val Miñor contará novamente este ano co obradoiro de emprego “Terras do Miñor”, adicado á hostalería e que se suma ao recén estreado “Valiemprego”, actualmente en marcha e orientado á promoción turística. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede unha subvención de 179.134,20 euros, destinando 97.150,20 euros para os gastos salariais dos 20 contratados, que percibirán o salario mínimo interprofesional e que serán seleccionados dende o servizo público de emprego (o resto do orzamento se adica a gastos de dirección, formación, material…).

‘Terras do Miñor” foi solicitado dende a Mancomunidade o 24 de febreiro, obtendo a resolución favorable da Xunta a pasada semana. Esta será a quinta edición e contará cunha duración de 6 meses (960 horas en total), comezando o 30 de decembro na Residencia de Tempo Libre de Patos e rematando o 29 de xuño. Como nas anteriores ocasións, os 20 alumnos-traballadores (10 de operacións básicas de cocina e 10 de operacións básicas de restaurante e bar) serán os encargados de elaborar as comidas e servizo de restaurante para o comedor social da mancomunidade e poderán desenvolver a súa especialidade en actos programados dende os concellos ou relativos á exaltación dos productos típicos da zona.

“A hostalaría e o turismo son sectores básicos na nosa comarca por iso, asesorados dende os respectivos técnicos de emprego, seleccionamos estes dous obradoiros. Agardamos que grazas a eles 35 persoas acaden un posto de traballo a ao mesmo tempo contribuan a mellorar a calidade turística e hostaleira do municipio”, sinala o presidente de mancomunidade e alcalde de Nigrán, Juan González.

Así, “Valiemprega Xove” está adicado á ‘Promoción turística local e información ao visitante’ e se desenvolve en Gondomar con 15 alumnos-traballadores. Esta acción formativa é froito por vez primeira dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade) para solicitar unha subvención ao respecto. Entre os seus obxectivos está promover e comercializar destinos turísticos locais, xestionando servizos de información turística e participando na creación, comercialización e xestión de produtos e servizos  turísticos do entorno local, empregando en caso necesario a lingua inglesa.