A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda chama a participar na asemblea informativa que se celebrará o próximo xoves día 9 de xaneiro ás 20:00 horas da tarde no Centro Cultural da Guarda para analizar o deterioro que sofre a sanidade pública.
A Plataforma considera que a sociedade debe manterse activa na defensa da sanidade pública e piden o apoio de toda a cidadanía á manifestación que se celebrará o próximo 16 de xaneiro en Vigo convocada por SOS- Sanidade Pública e polas Plataformas en defensa da sanidade pública da área sanitaria de Vigo.
«O constante deterioro da sanidade pública ten como consecuencia unhas listas de espera cada vez máis grandes para consultas, probas complementarias e intervencións cirúrxicas. Tamén uns cadros de persoal raquíticos para dar resposta ás necesidades da cidadanía e unha carteira de servizos moitas veces incompleta para manter o negocio da sanidade privada. Mostrar o descontento da sociedade diante destes feitos é fundamental para paralizar ou cando menos minimizar esta ofensiva da Xunta de Galiza do PP contra a sanidade pública«, sinalan dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda.
