A asociación feminista Area Loura e o Co-mando Ghichas temos convocado en varias ocasións mobilizacións na Ramallosa contra a violencia machista co obxecto de denunciala e contribuír dalgún xeito á concienciación da sociedade en relación a este tema. Este ano, debido á situación de emerxencia sanitaria e socioeconómica que estamos a padecer e a especial situación na nosa comarca que imposibilita que poidamos xuntarnos os tres concellos na Ramallosa, non convocaremos mobilización na rúa. Pero esta crise non vai a impedir que as feministas continuemos a denunciar a violencia exercida contra as mulleres.
Este ano foron asasinadas no estado, pola violencia machista, 43 mulleres, 2 delas en Galiza, e tres nenos. Continúase a deixar fóra das listas oficiais a mulleres que non son asasinadas polas súas parellas e tamén quedan fóra ás fillas e fillos asasinados.
O confinamento agravou considerablemente a situación das mulleres que están a padecer violencia de xénero, xa que as obrigou a convivir as 24 horas co seu maltratador convertendo o seu fogar nun inferno. A isto hai que engadir que moitos programas de atención a estas mulleres foron cancelados, moitos procesos nos xulgados foron aprazados.. Todo isto significa un grave retroceso na atención e prevención da violencia machista, e non entendemos que esta atención non sexa considerada algo esencial.
Segundo a ONU, a OIT e os primeiros datos de avaliacións socioeconómicas dende o inicio desta crise, as mulleres tamén somos as máis prexudicadas polas medidas tomadas a causa do Covid, sufrindo máis a perda de emprego e ingresos, o aumento da precariedade da economía informal e as dificultades de acceso ás medidas de protección social, ao que hai que sumarlle a sobrecarga das tarefas non retribuídas, domésticas e de coidados, polo peche das escolas e centros de atención á dependencia, asumidas maioritariamente polas mulleres, exemplo disto é que a maioría de reducións da xornada laboral foron solicitadas por elas.
Non debemos esquecer o perigoso discurso da ultradereita que, tanto nas bancadas do Parlamento como na rúa, nega a violencia contra as mulleres, dando cobertura aos maltratadores, culpabilizándonos a nós e desprezando calquera demanda feminista.
Na situación actual, complexa e chea de incertezas, de crises de moitos sectores que descobren á súa vez outras crises soterradas, é cando podemos atopar o verdadeiro valor das cousas. Unha delas: os coidados ás persoas, dos fogares, dos cativos, dos maiores…como xa dixemos en mans na súa maior parte das mulleres.
Agardamos que tamén chegue unha nova normalidade para o feminismo, que a igualdade, o reparto de tarefas, o respecto, a dignidade, a posta en valor, a liberdade, cheguen por fin para as mulleres e se produzan eses cambios polos que o feminismo leva loitando tanto tempo. Por iso é que queremos seguir facendo visible este 25 de Novembro a violencia contra a muller e, se non podemos facelo na rúa, fagámolo alá onde poidamos, no nosa contorna, na nosa realidade diaria, na prensa, nos medios, nas redes sociais.

