Manifesto Miñor

A Patria Galega está presente onde hai galegos, en todos os recunchos do País, en todos os recunchos do Mundo.

«En “Manifesto Miñor” vimos celebrando na nosa Comarca o 25 de Xullo dende hai anos con diferentes tipos de actos, porque entendemos que a Patria Galega somos todos, teñamos ou non siglas partidarias», sinalan.

Este ano por segunda vez «imos izar a bandeira galega na Serra do Galiñeiro, por seren uns montes referenciais, os nosos montes protectores, o noso Olimpo particular cargado de simbolismo, de lendas, de Historia, que fai dese espazo único o máis prezado patrimonio natural e inmaterial que temos e que cómpre defender».

O acto principal terá lugar ás 12:00 horas do vindeiro domingo día 21, no lugar do curro do Galiñeiro en Vincios co izado da bandeira cantando o Himno Galego.

«Trátase dun acto cívico e de irmandade, aberto a toda a veciñanza do Val de Miñor e alén da Comarca que se queira sumar», rematan dende Manifesto Miñor.