No pasado mandato municipal (2015-2019), no ano 2016, dende a Área de Medio Ambiente xestionada por “Manifesto Miñor” ao fronte da cal estaba quen isto subscrebe, Antonio Araújo, iniciáranse os trámites perante Augas de Galicia, Patrimonio, etc, incluso a redacción dun ante-proxecto, para proceder á retirada dos sedimentos amoreados ao longo de décadas e que veñen taponando os ollos de desaugue da Ponte Románica de Mañufe.

Sen dúbida foi un trámite complexo e longo demais por se tratar dunha actuación ao pé mesmo dun elemento patrimonial de grande importancia, e todo hai que dicilo, moi mal tratado polo paso do tempo e tamén anos pola insensibilidade das autoridades competentes e responsables públicos en xeral.

A retirada dos devanditos sedimentos sen dúbida mellorarían o desaugue do río en tempos de enchentes, evitando asolagamentos e situacións de perigo extremo para as vivendas dos barrios da Ponte e do Cruceiro, e asemade evitando ou diminuíndo o impacto das riadas na estrutura da ponte, e en consecuencia, axudando á súa conservación.

Pois ben, Augas de Galicia autorizou os devanditos traballos o pasado 18/03/2019, solicitando o Concello unha prorroga o 17/01/2020 que foi concedida con data 13/02/2020 e cuxa vixencia remata o 30 de decembro de 2020.

Como queira que a época axeitada para facer ese tipo de traballos dentro da canle do río é xustamente nos meses de agosto e setembro polo baixo caudal do mesmo antes de época de chuvias, sería lamentable que por descoido do goberno municipal non se fixeran agora estes traballos tan necesarios e que tanta tranquilidade lle darían á veciñanza da zona, pois chegado o inverno a perda da prorroga concedida por Augas de Galicia sería tan inevitable como inviable realizar os devanditos traballos.

Por todo isto, Manifesto Miñor en Marea solicita, que coa máxima urxencia se proceda a realizar os traballos de retirada de sedimentos na Ponte de Mañufe, para que a chegada do inverno e as enchentes non sigan deteriorando este importante elemento patrimonial, así como na medida do posible diminuír o risco de asolagamentos para as vivendas da zona.