Como vén sendo habitual dende o cambio de goberno provincial, antes de final de ano, a Deputación Provincial de Pontevedra vai sacar a exposición pública no BOP o anuncio para que os concellos da provincia soliciten as subvencións correspondentes para realizar proxectos que poñan en valor o patrimonio forestal e natural, paisaxístico, etc. dos nosos montes, vinculando as axudas á creación de parques forestais (liña 1), ou á mellora das condicións dos montes en xeral a través de proxectos xa redactados (liña 2),  e que dalgún xeito tamén axuden á loita contra o lume.  

Pois ben, no Plan Concellos 2018-19 da devandita Deputación, o concelleiro de MM Xosé Antón Arauxo conseguira daquela incluír  nese plan a elaboración dun exhaustivo proxecto de recollida e documentación do extraordinario e único patrimonio cultural, natural, etc. co que conta Gondomar, coa idea de dálo a coñecer e de poñelo en valor como estratexia para a súa protección. E así foi, froito das xestións realizadas viu a luz en febreiro de 2019 un magnífico volume editado polo Instituto de Estudos Miñoráns e realizado polo Arquitecto gondomareño Antonio Soliño e maquetado por Juan Chamorro do que tamén son as fotografías.

A  idea  do concellerio de turismo no pasado mandato, X. Antón Araúxo, era completar o devandito proxecto coa sinalización dos roteiros que se van indicando no libro, incluso coa planimetría correspondente, descrición das rutas, fotografías daqueles fitos ou elementos máis salientábeis da mesma, etc,  para dese xeito darlle unha plasmación real e practica ao traballo de campo e de investigación feito polos citados técnicos.

Dado que por razóns orzamentarias e políticas non se puido completar o traballo iniciado no 2018, e  para que non quede só reducido á parte teórica e de investigación (moi importantes), pero insuficientes, o Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea vai presentar unha iniciativa ao vindeiro Pleno do 23 de decembro co obxecto de que o Goberno Municipal retome de novo o proxecto inicial para completalo. É dicir, para proceder á sinalización dos roteiros, acondicionamento dos mesmos, etc. de acordo o indicado no libro publicado.