Nun comunicado de prensa sobre a suba da taxa do lixo en Gondomar, Manifesto Miñor indica que Paco Ferreira «non conforme con semellante despropósito, que perpetrou o pasado día 24, agora pretende convencernos, a base de propaganda, das bondades desa suba empregando sen rubor as medias verdades e a demagoxia, nas que o señor Ferreira é un especialista».
Unha aprobación sen diálogo nin vontade de acordo.
Desde Manifesto Miñor, lembran que a necesidade de adaptar a taxa á Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados, «era coñecida polo goberno municipal desde o ano 2022, tal e como llelo advertimos reiteradamente nos plenos municipais. Con todo, o alcalde decidiu abordar esta modificación de maneira tardía, precipitada e sen negociación, escollendo ademais datas especialmente sensibles para esquivar as críticas«.
«Di o Sr. Ferreira que a aprobación definitiva da taxa foi grazas ao seu voto de calidade debido á ausencia dunha concelleira do goberno. Minte, pois a concelleira ausente foi a concelleira non adscrita, Rocio Cambra. Todo iso nun contexto cheo de sospeitas, aumentadas por non habilitar a participación telemática, cuxa posibilidade estaba prevista expresamente na convocatoria do pleno. Ao final perdeuse a última oportunidade para elaborar unha taxa máis racional e xusta. A primeira ocasión fora no pleno do 3 de novembro, cando a abstención do BNG permitiu que se aprobara inicialmente o devandito “taxazo”, sabendo que Paco Ferreira non ía negociar nada nin admitir alegación dos grupos municipais ou da veciñanza, como quedou claro no pleno do 24 de decembro; sobre todo, sabendo que xa tiña garantido o voto que precisaba (por incomparecencia) para sacar o asunto adiante», recalcan dende MM.
Din que esta maneira de proceder debería ser coñecida por toda a corporación municipal, «pois é a práctica habitual de don Paco Ferreira durante todo o seu mandato: non negociar, non dialogar, non acordar… en definitiva, as clásicas prácticas caciquís de toda a vida. Volveu demostrar a súa incapacidade para o diálogo, rexeitando todas as alegacións presentadas pola veciñanza e polos grupos municipais. Mesmo se atreveu a insinuar no pleno que as alegación da veciñanza estaban manipuladas polos grupos da oposición, coma se estas persoas fosen menores de idade ou sen criterio propio».
Unha taxa inxusta e exclusivamente recadatoria
Manifesto Miñor non se opón á existencia nin á actualización das taxas municipais. «O que denunciamos é que esta taxa»:
1.- Ten un carácter claramente recadatorio, sen aplicar o principio europeo de “quen contamina paga” e que non incentiva a redución de residuos.
2.- Non distingue entre servizo prestado, obrigando a pagar o mesmo a veciñanza con distinto acceso ou calidade na recollida, ao eliminar criterio da distancia aos colectores.
3.- Reforza un modelo obsoleto e ambientalmente insostible, baseado no envío masivo de residuos a SOGAMA, en lugar de apostar pola redución, reutilización e reciclaxe
O Punto Limpo, unha oportunidade desaproveitada.
Afirman desde MM que para reducir o custo da taxa é imprescindible diminuír as toneladas enviadas a incineración. Para iso, «o Punto Limpo debería funcionar como un servizo realmente incentivador, autónomo da recollida ordinaria e cun sistema de bonificacións eficaz. Manifesto Miñor propuxo unha bonificación mínima do 40 % polo seu uso, proposta que foi ignorada polo goberno municipal».
Manifesto Miñor continuará defendendo un sistema de taxas máis xusto, progresivo e ambientalmente responsable, ao servizo da veciñanza de Gondomar.
