A Ponte das Ánimas, a maiores da súa importancia histórica da que hai constancia escrita a partires do XVII pero, que con toda seguridade polas súas características construtivas todo indica que ten a súa orixe na Idade Media, a día de hoxe segue a cumprir a súa función de obra pública con utilidade comunicando unha parte importante da parroquia de Gondomar co centro da Vila, e dende hai uns anos, co novo Centro de Saúde e co parque do mesmo nome.

Trátase logo dun monumento de relevancia histórica salientable, posiblemente con máis de 1.000 anos de antigüidade que segue a ter a mesma utilidade pública de cando foi construída. A maiores disto, a Ponte das Ánimas de Gondomar é un lugar que forma parte da memoria histórica, lendaria e máxica de varias xeracións de gondomareños, polo que estamos a falar tamén dun importante patrimonio inmaterial que se perde.

«A día de hoxe, e malia estar situado a escasos 200 metros da Casa do Concello, esmorece por mor da desidia do Goberno Municipal que permite a sabendas a súa vandalización con pintadas, arrincado de pedras do enlousado da calzada, lixo na contorna, etc, etc«, subliña Antonio Araújo Quintas.

«A gravidade do asunto» -di Quintas- «radica en que estamos a falar dun elemento patrimonial urbano que calquera concello cun goberno municipal minimamente sensible, poríao en valor e coidaríao coma ouro en pano. Pola contra, o Goberno Muncipal pasa deste asunto chegando ao extremo de deixar perder 42.000.-€ do “Plan Concellos” da Deputación Provincial de 2018 que tiñan por obxecto reparar a Ponte e a súa contorna. Cómpre destacar que á devandita desidia haille que sumar o feito de que a proposta e o proxecto eran dos socios de goberno de MM e de quen isto asina».

Por todo o exposto, Antonio Araújo Quintas propón ao Pleno:

«A Corporación Municipal de Gondomar acorda rescatar o proxecto de arranxo e posta en valor da Ponte das Ánimas e da súa contorna redactado en 2017 polo Arquitecto D. Antonio Soliño, así como as modificacións posteriores do mesmo, e incluílo de novo Plan Concellos deste ano».