CEDIDA

Onte tivemos o primeiro aviso serio do que pode ser unha tempada de incendios dramática na Comarca do Val de Miñor. O lume que onte alguén prendeu en O Viso (Baiona), ao noso modo de ver tiña toda a intencionalidade de queimar, xusto a banda da Comarca que non ardeu en 2017. Isto quer dicir que se non o impedimos, os incendiarios acabarán conseguindo os seus obxectivos.

Dende “Manifesto Miñor” cremos que é fundamental darlle a posibilidade á sociedade civil de se implicar nesta loita, dado que os medios de resposta inmediata son escasos. É por iso que propoñemos:

  • Máis dotación humana e material permanente do GES, dado que no verán teñen que atender a maiores unha poboación que triplica o seu número, máis accidentes de tránsito, dous polígonos industriais, etc., etc.
  • A creación dun voluntariado medioambiental comarcal específico, que da man das CCMM, do GES, ou das Policías Locais, patrulle os montes da Comarca dende xa, co obxectivo de vixiar o monte e disuadir aos potenciais incendiarios.
  • A creación dun grupo de traballo específico e estable no tempo entre as CCMM  e a Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor, co obxecto de estudar medidas preventivas dos lumes, poñer en común os recursos existentes, así como traballar na elaboración de campañas informativas, formativas e de sensibilización social, sobre todo no medio urbano, a respecto dos lumes e da importancia de ter uns montes ben protexidos e multinacionais.
  • Por último, e no caso do Concello de Gondomar, dende MM demandamos do Goberno Municipal e do Sr. Alcalde, a inmediata posta en funcionamento do Voluntariado Medioambiental criado pola Concellaría de Medio Ambiente xestionada por Manifesto Miñor no ano 2017 baixo a responsabilidade de Antonio Aaraújo, que con máis de 100 voluntari@s desenvolveu un importante labor de vixilancia nos montes de Gondomar no verán de 2018. Faría ben o Sr. Ferreira en non desmontar por sistema todo aquilo que fora posto en marcha por MM cando o bipartito, sobre todo cando funciona e ten utilidade como foi o caso.