A defensa dun ensino público e de calidade ten que ir acompañada por unha serie de medidas que, entre outras, o fagan accesible a todo o mundo. De pouco serve ter bos colexios, con dotacións de todo tipo se as nenas e os nenos dos barrios e parroquias máis afastados non teñen facilidades para chegar a eles sen perder o tempo polo camiño; inseguridade nos desprazamentos ás paradas que están máis lonxe ou, dependendo de seus pais para ir a escola cos conseguintes problemas de conciliación, etc.

Circunstancias que senón se corrixen xeran agravios comparativos e aumentan a desigualdade entre o alumnado segundo a súa proximidade aos centros escolares de referencia, por non falar do efecto colateral do  despoboamento do rural, etc.

Con todo isto, en Manifesto Miñor tiveron coñecemento a través das familias afectadas da supresión dunha parada de bus escolar en Nande, o que obrigaría a un desprazamento innecesario á seguinte parada aos máis de cinco alumnos que alí collen o bus escolar para ir ao CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, seu centro de referencia.

«Sexan cinco, sexan tres ou vinte e cinco, a parada debe manterse polas razóns expostas», sinalan desde Manifesto Miñor.

Por todo isto, MM propón ao Pleno da Corporación Municipal os seguintes acordos»

1º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA rexeitar a supresión da devandita parada de bus escolar en Nande.

2º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar ACORDA dirixirse á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia pra que repoña antes do comezo de curso a parada de bus escolar de Nande na parroquia de Mañufe.