Manifesto Miñor presentou unha moción para debater no vindeiro Pleno de Gondomar deste mes de novembro que defenderá a compañeira Rocío Cambra. «Adaptación e habilitación de “Casa Peralba” e das construcións auxiliares do conxunto que a compoñen para fins sociais: dúas vivendas tuteladas e un local para un punto de encontro familiar», refire a moción.
«A necesidade de vivendas tuteladas para que aquelas persoas que teñen algún tipo de discapacidade poidan mellorar a súa vida e sobre todo podérense integrarse na sociedade en condicións de igualdade, é evidente, tan evidente como que é unha responsabilidade das institucións públicas de traballar a prol das mesmas e conseguir así unha sociedade máis inclusiva e igualitaria en dereitos para as persoas indistintamente da súa condición«, sinalan dende MM.
Tamén din que «outra prioridade urxente derivada das novas necesidades que a sociedade actual ten, é a existencia en Gondomar dun “Punto de Encontro Familiar”que favoreza o cumprimento do réxime de visitas dos fillos menores daquelas parellas separadas cando existen desavinzas entre ambos. Trátase xa que logo, dun lugar neutral e cómodo para que os os fillos poidan gozar da compaña do proxenitor non custodio ou de outro membro da familia tras a ruptura familiar».
En “Manifesto Miñor” consideran que agora o Concello de Gondomar ten posibilidades para lle dar cobertura a estas dúas importantes demandas sociais ao contar cun inmoble céntrico, accesible e ben comunicados como é o conxunto de “Casa Peralba”, que coas reformas e adaptacións pertinentes, pode cumprir os obxectivos aquí expostos. «A maiores, cónstanos que non sería difícil conseguir as axudas ou subvencións doutras administracións para acometer as reformas necesarias, polo que consideramos que agora é o momento de poñerse a traballar nesta iniciativa».
